Skip to main content

Pacto de Goberno PSdeG - BNG (2005)

ACORDO SOBRE BASES PROGRAMATICAS PARA A ACCION DO GOBERNO QUE ASINAN OS GRUPOS POLÍTICOS PSdeG-PSOE E BNG

1. LIMIAR

As eleccións ao Parlamento de Galicia celebradas o pasado 19 de xuño, significaron unha nova maioría electoral e parlamentaria que fai posible un cambio político en Galicia baseado nun programa de goberno conxunto.

Galicia tivo unha oportunidade, axiña truncada, de ter institucións de autogoberno en data temperá como 1936. Foi unha das nacionalidades históricas do Estado, así sentida tanto polos cidadáns deste país como polo resto dos territorios e cidadáns do Estado. As razóns históricas, económicas, antropolóxicas, lingüísticas e culturais que definían o carácter nacional de Galicia foron coñecidas de vello e asumidas sen problemas dentro e fóra de Galicia.

Temos ante nos a oportunidade de encetar unha nova etapa que deixe atrás un período de goberno que trouxo regresión económica e social, restrición das liberdades democráticas e pérda dos nosos sinais de identidade nacional. Coa alternancia no goberno e co cambio político, Galicia emerxe democraticamente e con ela un país novo, aberto e solidario, orgulloso da súa personalidade e convencido das súas potencialidades.

As formacións políticas asinantes deste programa de goberno aspiramos a avanzar no autogoberno de Galicia e lograr que xogue outro papel, desta volta relevante, no marco estatal e europeo; a rexenerar democraticamente Galicia para garantir o pleno exercicio dos dereitos e liberdades públicas sen discriminacións nin exclusións; a construír un país que forneza o benestar económico e social de toda as persoas, promova a igualdade de oportunidades e a distribución xusta da riqueza; a desenvolver unha política económica sustentable que persiga un desenvolvemento harmónico e equilibrado do país e logre maiores cotas de emprego; a afirmar e consolidar os trazos culturais e lingüísticos distintivos da nosa identidade.

 

En consecuencia asumimos o reto de deseñar un Goberno eficaz e rigoroso para acadar eses obxectivos, así como levar a termo as necesarias reformas lexislativas, económicas, sociais e administrativas para que no prazo de catro anos Galicia se sitúe na vangarda do desenvolvemento. E imos facelo impulsando decididamente a participación social e cidadán, convidando ás organizacións sociais, económicas e culturais a colaborar activamente no impulso de Galicia, sumando esforzos, achegando ideas, desenvolvendo entre todos un novo sentido da cidadanía galega para que o país do futuro sexa o país de todos os galegos e de todas as galegas. Ambas formacións políticas comparten que a Comunidade Autónoma de Galicia é unha comunidade de carácter nacional no marco dun Estado plurinacional.

Compre revisar o Estatuto de Autonomía, incorporando novas demandas e necesidades e perfeccionando os mecanismos de autogoberno e representación. Queremos facelo coa participación de todas as forzas políticas galegas con representación parlamentaria.

 

2. EIXOS DA ACCION DO GOBERNO

A Xunta de Galicia nos anos 2005-2009 terá como obxectivos principais:

- O pulo do emprego de calidade, estable, vencellado a unha economía competitiva e aberta aos mercados e sectores de futuro.

- O incremento no gasto en capital humano: educación, formación para o traballo, universidade, I+D e o compromiso coa igualdade real entre homes e mulleres

- Un sistema de benestar avanzado, baseado fundamentalmente en servizos públicos universais e de calidade que evite discriminacións persoais ou territoriais, que garanta a autonomía e dignidade das persoas.

- Poñer en valor o territorio, mediante políticas de sustentabilidade ambiental, de calidade urbanística e de habitabilidade.

- Avanzar na normalización da nosa lingua, protexer e pór en valor a nosa cultura e patrimonio, elementos básicos da nosa identidade como pobo. O desenvolvemento e a concreción destes eixos, ideario do novo goberno galego require dun aprofundamento no autogoberno de Galicia, impulsando un novo Estatuto co máximo consenso político e social e máis tamén da imprescindible rexeneración democrática que restaure a dignidade das nosas institucións e poña en valor o pluralismo social e político.

 

3. REXENERACION DEMOCRATICA E PODERES PUBLICOS

O Goberno Galego imponse como tarefa inmediata a revitalización da vida democrática en Galiza, co fin de incrementar a eficacia e a transparencia no funcionamento dos poderes públicos, eliminar o clientelismo e a manipulación informativa e respectar as iniciativas sociais.

A fin de facer efectivos estes obxectivos, propoñémonos levar adiante as actuacións que a seguir se relacionan.

TRANSPARENCIA E PARTICIPACION CIDADÁ

- Reforzar as incompatibilidades dos altos cargos e promover unha lei de transparencia que contemple, entre outros aspectos, a regulación dun código de conduta dos empregados e cargos públicos. Accesibilidade a través de Internet, en tempo real, ás actuacións das institucións galegas, incluídas as estatísticas e os estudos demoscópicos oficiais.

- Impulso e desenvolvemento da administración electrónica, apostando polo espallamento do uso das TIC na actuación administrativa para axilizar a tramitación de procedementos e facilitar a participación e información directa en tempo real da cidadanía.

-Reforma da Lei Electoral que garantirá a paridade de xénero nas listas electorais, a mellor adecuación entre electores e deputados, así como as garantías de emisión de voto polos electores emigrantes.

MEDIOS DE COMUNICACIÓN

- Elaboración dunha lei que garanta a autonomía e o carácter de servizo público da CRTVG.

Esta lei establecerá o nomeamento do director xeral por maioría cualificada do Parlamento e garantirá o acceso dos distintos sectores e organizacións sociais galegos aos medios de comunicación públicos.

- Establecemento dunha regulación transparente e obxectiva das relacións coas empresas privadas de comunicación, ligándoas en todo caso ao cumprimento efectivo de fins de interese público, na procura dunha opinión pública galega plural.

- Incremento, ouvidos os representantes do sector, da porcentaxe horaria de emisión en lingua galega, de produción propia e de produción galega en todas as concesións de radio e de TV.

- O Goberno galego procurará acadar un aumento de horas de emisión para o país, tanto da radio como da televisión públicas estatais que emiten en Galicia, o fomento da produción propia no centro territorial, un maior uso da lingua galega e a recuperación dunha frecuencia radiofónica emitida integralmente en lingua galega e centrada na información sobre a economía, a sociedade, a cultura e a política de Galicia.

TRANSPARENCIA E EFICIENCIA NO GASTO PUBLICO

- O Goberno galego desenvolverá unha contratación pública eficiente no uso dos recursos públicos, tanto na Administración Xeral como nos organismos, entes ou empresas públicas, que sexa eficaz na satisfacción das necesidades públicas e transparente e obxectiva na selección das empresas. Na adxudicación dos contratos públicos teranse en conta criterios sociais e ambientais. Todos os datos do procedemento de adxudicación serán accesíbeis através de Internet.

- O Goberno galego promoverá unha Lei de subvencións que asegure a concesión obxectiva e transparente das axudas públicas, incluídas as canalizadas através de convenios. Crearase un rexistro público de axudas, subvencións e convenios accesible a través de Internet.

- No prazo de catro meses, o Goberno galego publicará un informe relativo ao endebedamento das institucións galegas.

- O Goberno galego promoverá unha Lei de publicidade institucional que circunscriba a actividade publicitaria dos poderes públicos galegos a fins estritos de servizo público, elimine a publicidade institucional con fins propagandísticos e garanta a adxudicación obxectiva e transparente dos contratos publicitarios da administración galega.

PARLAMENTO MAIS PROXIMO Á CIDADANIA

Revitalización do Parlamento galego como centro da vida democrática en Galicia e achegándoo á vida cotiá. Para iso reformarase o seu regulamento co fin de axilizar o seu funcionamento e, dun xeito especial, as comparencias do Executivo galego recollendo a obriga do Presidente de someterse ao control dos grupos parlamentares en todos os plenos.

Nesa liña, tamén se dotará aos deputados e deputadas e aos grupos parlamentares de máis medios para unha fiscalización e seguimento máis eficaces do labor do goberno (incluída a solicitude de comparecencias de membros do goberno), facilitar a constitución e o funcionamento de comisións de investigación e crear unha oficina orzamentaria que posibilite o seguimento da xestión económica e financeira pública.

UNHA ADMINISTRACION MAIS ACTIVA E EFICAZ

- O Goberno galego reordenará a planta da Administración galega e creará un rexistro de entes instrumentais como primeiro paso para a súa redución ou integración na estrutura xeral da Administración.

- Reforma da Lei da función pública e redución dos postos de libre designación a aqueles de carácter claramente político ou de confianza. Estabelecemento dunha carreira xerencial pública para os postos directivos non políticos.

- Garantía da igualdade e da transparencia no acceso aos postos de traballo no sector público galego, baseado en criterios de mérito, capacidade e libre concorrencia. O proceso de selección utilizará procedementos obxectivos.

- Reserva do 5% dos postos de traballo no sector público a persoas discapacitadas, co obxectivo de lograr, ao fin da lexislatura, que polo menos o 2% dos postos de traballo estean ocupados por persoas con discapacidade.

- Crearase unha Axencia Pública de Calidade e de Avaliación das Políticas Públicas.

- Reforzamento da autonomía e dos medios dos órganos consultivos e de control. Recoñecemento de potestade sancionadora ao Consello de Contas.

ENTES LOCAIS

O Goberno Galego impulsará un Pacto Local galego que teña como obxectivo recoñecer aos concellos as competencias que materialmente están a exercer na actualidade, así como garantirlles a súa suficiencia financeira, por medo da reforma, en diálogo coa FEGAMP, da participación dos entes locais nos ingresos da Comunidade Autónoma, conforme a criterios de suficiencia e proporcionalidade e da promoción dun novo modelo de financiamento municipal que permita a participación de todos os concellos nos ingresos do Estado, tendo en conta os criterios de extensión territorial, número de núcleos de poboación e dispersión poboacional.

O Goberno galego impulsará unha nova organización administrativa do territorio galego baseada en comarcas, rexións e as áreas metropolitanas.

O Goberno galego coordinará a actuación das deputacións provinciais galegas por medio dunha Lei de coordinación e da elaboración dun Plan Único de Obras e Servizos.

UNHA XUSTIZA GALEGA ÁXIL E CON GARANTÍAS

- O Goberno galego impulsará que a Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza erixirase nun verdadeiro órgano descentralizado de Goberno do Poder Xudicial. Anualmente, tanto a Sala de Goberno como a Fiscalía renderán ao Parlamento Galego unha Memoria sobre a súa actividade e comparecerán na Comisión correspondente para explicala.

- Aprobación dun programa de galeguización da Administración de Xustiza e, no seu marco, estabelecerase que sexa requisito necesario acreditar un coñecemento determinado da lingua e do dereito de Galicia para desempeñar unha praza de fiscal, xuíz/a ou maxistrado/a en Galicia. Todas as actuacións da Administración galega ante as instancias xudiciais realizaranse en lingua galega.

POLITICA INTEGRAL DE SEGURANZA

- O Goberno galego deseñará unha política integral de seguranza que planifique e ordene os dispositivos de atención en emerxencias e reforce o carácter de servizo público dos diferentes servizos dedicados á protección civil (bombeiros, salvamento, etc.). Como instrumento básico desta política integral, elaborarase unha Lei da Policía que supoña a creación e despregamento da policía galega e a sua coordenación coas policías locais.

- Revisión do vixente Plan territorial de continxencias pola marítima accidental, reforzando os medios para combater eficazmente os vertidos.

- Creación dun centro xestor de emerxencias que centralizará as alertas e o desenvolvemento dos procedementos operativos de protección civil.

RELACIÓNS COA UNIÓN EUROPEA E PROXECCIÓN EXTERIOR DE GALICIA

- O Goberno galego impulsará canles efectivas para a participación de Galicia nos asuntos europeos co obxectivo de salvagardar as súas competencias e promover os seus intereses.

- Outorgamento de carácter público á representación de Galicia ante a Unión Europea.

- Impulso da cooperación co Norte de Portugal no marco do Convenio de Valença para afortalar a eurorrexión.

- Difusión da realidade e especificidade galega no mundo, proxectando a personalidade internacional de Galicia e promovendo dun xeito especial a lingua e a cultura galega no exterior.

- Apoio ás políticas de financiamento de proxectos de cooperación ao desenvolvemento co obxectivo de dedicar a estas accións, ao remate da próxima lexislatura, o 0,4% dos orzamentos de Galicia.

AVANZAR NO AUTOGOBERNO

Transcorrido unha cuarto do século de desenvolvemento do vixente Estatuto de Galicia, cómpre facer unha reflexión política máis ampla sobre a súa utilidade e validez como instrumento para contribuír á vertebración do país, a necesidade da súa reforma co fin de recoller as demandas da sociedade, a definición acaída das relacións entre os poderes galegos e os centrais do Estado, e a consecución dun maior autogoberno.

 

PSdeG e BNG recoñecen o carácter nacional de Galiza dentro dun Estado que avanza de cara a unha configuración plurinacional, pluricultural e plurilingüe.

Ambas forzas políticas comprométense a lograr un Estatuto que amplíe e asegure os dereitos e as liberdades da cidadanía galega, que estabeleza unha estrutura institucional máis democrática e eficaz, que contribúa ao reforzamento da identidade lingüística e cultural do país, que nos dote dun marco competencial coherente e garantido, e que sirva para pór os nosos recursos a traballar a prol do desenvolvemento económico, da creación de emprego no país, e do incremento do benestar social das galegas e dos galegos.

No contexto da renovación das estruturas do Estado actualmente en curso, o Estatuto de Galicia terá o máximo nivel posible de desenvolvemento do autogoberno, como corresponde a unha nacionalidade histórica, así recoñecida tanto dentro como fóra do noso territorio.

COMPROMISO ACTIVO DO GOBERNO CO ESTATUTO

O Goberno galego terá como prioridade afondar no autogoberno de Galicia, para o que promoverá a aprobación, sen exclusión de ningunha forza política, dun novo Estatuto de Galicia, co compromiso de que os traballos se inicien nos primeiros seis meses da lexislatura, promovendo a creación da correspondente Ponencia Parlamentaria e o presidente da Xunta de Galicia solicitará un ditame do Consello Consultivo.

UN NOVO MODELO DE FINANCIAMENTO

O avance no autogoberno debe ir parello a un novo modelo de financiamento público que, baseado nos criterios de suficiencia e equidade, incremente de forma substancial a responsabilidade fiscal e a autonomía financeira de Galicia e garanta a suficiencia dinámica dos recursos dos poderes públicos galegos para avanzar na converxencia real de Galicia cos territorios máis desenvolvidos do Estado e de Europa.

No horizonte da drástica redución dos fondos europeos, o Goberno galego impulsará a reforma do Fondo de Compensación Interterritorial para que se converta nun mecanismo eficaz de redución das diferenzas nos niveis de infraestruturas e servizos e contribúa a unha converxencia real entre os niveis de renda e de emprego.

O goberno fixará a súa posición nas negociacións en curso sobre a reforma do financiamento sanitario co fin de que este, tendo en conta as características singulares da poboación galega, asegure a Galicia a suficiencia necesaria para garantir a calidade e a cobertura universal das prestacións sanitarias.

No marco deste novo modelo de financiamento o goberno galego impulsará unha ampla capaciade normativa sobre os tributos propios e cedidos, potenciando unha estructura organizativa que mellore a xestión e facilite a coordenación coas demais administracións tributarias. Nese marco estudiarase a creación dunha Axencia Tributaria galega consorciada coa Axencia Tributaria do Estado.

RELACIÓNS ENTRE AS INSTITUCIÓNS GALEGAS E AS CENTRAIS DO ESTADO

As relacións entre as institucións galegas e as estatais estarán guiadas polo diálogo, a cooperación e a lealdade recíprocas. No marco destas relacións, o Goberno galego demandará do Goberno estatal:

1. A abertura das negociacións tendentes a correxir o déficit estructural acumulado

en Galicia, en especial en materia de emprego, educación, sanidade e infraestruturas.

2. Un acordo sobre a transferencia das competencias pendentes, en especial en materia de policía e seguranza pública, a formación continua (conforme a xurispudenza constitucional), a inspección de traballo, salvamento marítimo e a ordenación, xestión e saneamento do litoral.

3. Impulsar unha participación real e efectiva das institucións galegas nas decisións relativas á planificación, elaboración e seguimento conxuntos das políticas económicas e de regulación de mercados que afecten a Galicia.

4. Impulsar as modificacións lexislativas necesarias que permitan a mellor adaptación á estrutura territorial do Estado, das institucións comúns: Poder Xudicial, Senado, entes reguladores e outras, e que faciliten a presenza nas mesmas de representantes de Galicia.

5. A presenza das institucións galegas nos órganos da Unión Europea cando se traten asuntos relativos ás competencias exclusivas de Galicia, e a proxección e representación institucional exterior de Galicia, especialmente naqueles países cos que existan lazos culturais e políticos.

4. EMPREGO E DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

A economía galega está caracterizada pola súa menor competitividade, elevada taxas de desemprego e de precariedade no traballo, especialmente discriminatoria por xénero, baixos salarios, pensións e subsidios. Unha consecuencia dese cadro é a nova emigración que afecta selectivamente ás persoas mozas mellor cualificadas.

O Goberno galego aspira a transformar a sociedade galega nunha sociedade con maiores niveis de benestar e unha maior cohesión social. Para conseguilo fixamos os obxectivos da nosa alternativa económica para esta lexislatura en sentar as bases para un crecemento económico equilibrado, sustentable e con firmes alicerces nas nosas potencialidades, cun horizonte de longo prazo que se traduza en incrementos da produtividade e do aforro. Iso vainos permitir eludir os riscos actuais da economía galega, altamente endebedada, escasamente produtiva e pouco preparada para facer fronte aos retos do futuro.

- A necesidade de acadar o equilibrio territorial no desenvolvemento das actividades económicas e do benestar cidadán esixe a creación dun Fondo de Reequilibrio Territorial.

- Creación dun organismo público que actúe como instrumento de xestión da política financeira, de axuda aos sectores produtivos, integrando as competencias que actualmente exercen o Igape, a SPI e as empresas xestoras de capital risco dependentes da Xunta.

- En colaboración co sector financiero acordaranse mecanismos axeitados para o fomento da función dinamizadora que na economía galega desarrollan as caixas de aforro. Asegura-la representatitividade da participación social. Impulso da obra social e cultural baixo principios de solidaridade.

UN PACTO POLO EMPREGO

Un dos obxetivos centrais do novo goberno é a creación de emprego estable e con dereitos, dando oportunidades de emprego aos colectivos con maiores dificultades, aumentando a taxa de actividade, reducindo o desemprego, a precariedade e a alta siniestralidade laboral, corrixindo os desequilibrios territoriais no mercado de traballo de Galicia e loitando contra as discriminacións que sofren as mulleres, a xente moza, os inmigrantes e os traballadores de máis idade.

Eses obxetivos acadaranse a medio do Diálogo social e como froito do mesmo asinaremos un acordo coas organizacións empresariais e sindicais que considere un novo modelo de desenvolvemento económico e desenvolva alomenos:

- Liñas estratéxicas de política económica e social.

- Promoción do emprego estable, redución da precariedade no sector público e no sector privado.

- Entre os criterios que se terán en conta na adxudicación de contratos coa Administración, ponderarase a estabilidade do cadro laboral.

- Loita contra o fraude na contratación laboral, dotando á inspección de traballo e ás mesas de control dos medios necesarios para detectar e combater as prácticas irregulares.

- Reformar o conxunto das políticas activas de emprego para contribuír de xeito eficaz á redución da temporalidade, a inserción laboral dos desempregados e o incremento equilibrado, sectorial e territorialmente do emprego.

- Reforma do Servizo Público de Emprego co fin de optimizar o seu funcionamento nos labores de intermediación, orientación, fomento da contratación, clasificación das persoas demandantes de emprego e control da legalidade das contratacións

- Políticas de igualdade. Favoreceremos a incoporación da muller aos sectores profesionais nos que existe maior desigualdade. Promoveranse accións para cambiar a cultura laboral e facilitar o acceso das mulleres a postos de responsabilidade e dirección. Promulgarase unha Lei de conciliación da vida familiar e laboral.

- A Xunta impulsará, de acordo cos axentes económicos e sociais, un marco galego de relacións laborais co obxeto de promover unha negociación colectiva asentada sobre as condicións reais de desenvolvemento da actividade produtiva no seo das empresas galegas

- Plans territoriais de emprego en colaboración coas corporacións locais e axentes económicos e sociais do territorio.

- Plans de Saúde Laboral, dotado de medidas lexislativas, administrativas e orzamentarias que contemple a información, a formación, a promoción de actividades preventivas, a dotación de medios ás pequenas e medianas empresas e o labor da inspección de traballo como medios imprescindibles para reducir a siniestralidade laboral, con especial atención ás mulleres e á mocidade. Incluirá a consideración do acoso laboral e sexual.

INNOVACIÓN INDUSTRIAL E EMPRESARIAL

A viabilidade económica a longo prazo do país, depende da capacidade propia para xerar riqueza e da expansión da nosa capacidade produtiva. Para iso é preciso priorizar as políticas e a aplicación dos recursos cara a fins que revistan unha utilidade social, reforcen directamente a capacidade e a diversificación da produción.

A Xunta, cos axentes económicos e sociais definirá un pacto pola industrialización, que persiga unha economía avanzada, innovadora, creadora de emprego e de riqueza, socialmente cohesionada e sustentable

Cremos que é necesario potenciar a cultura emprendedora para crear emprego e riqueza, e facer de Galicia un territorio atractivo e competitivo para as actividades empresariais.

Comprometémonos co apoio decidido cos sectores industriais consolidados ou emerxentes, principais xeradores de valor engadido, emprego, investimento, exportación, etc. Somos conscientes de que deben actuar como motores do desenvolvemento industrial sustentable e territorialmente equilibrado

A Xunta de Galicia desenvolverá accións que tendan a:

- Desenvolvemento das PEMEs, impulsando as asociacións para a participación nas políticas públicas e xerando sinerxías para gañar competitividade, establecendo marcos específicos de relación contractual coa Administración e creando un entorno favorable para o seu desenvolvemento mediante a concertación social

- Fomento e promoción das relacións interindustriais e de subcontratación co tecido das PEMEs do seu contorno, co obxecto de aproveitar as economías de proximidade, crear economías externas e fortalecer o tecido industrial local.

- Mellora da interconexión loxística entre os portos, aeroportos, vías de alta capacidade, estacións ferroviarias e áreas industriais.

- Apoio público aos proxectos de maior compoñente tecnolóxico.

- Pulo das iniciativas en I+D+i. Duplicar na lexislatura o esforzo orzamentario en I+D+i que acadará o 1´5% do PIB en catro anos, cun meirande peso do sector privado.

- Plano estratéxico da Sociedade da Información para xeneralizar o uso das TIC en todos os ámbitos económicos e sociais, que impulse a competitividade e a produtividade e facilite aos cidadáns as vantaxes dos novos servizos así accesibles.

Mellora do acceso á banda ancha de empresas e fogares para acadar á práctica totalidade da poboación.

- En cooperación coas universidades pulo do software libre.

- Creación dun clúster coas empresas do sector. Aposta pola consolidación e competitividade do sector galego das telecomunicacións

- Establecemento do dominio galego de nomes en internet

- Plans de actuación estratéxicos para afortalar os clusters

- Plan de desenvolvemento do cooperativismo coa participación das empresas da economía social e desenvolvendo a súa face empresarial

- Posta en marcha dun plan de incorporación de doutores, enxeñeiros e investigadores ás empresas e centros tecnolóxicos

- Potenciar a internacionalización das empresas galegas para abrir novas oportunidades de negocio no exterior.

- Programa de captación de novos investimentos. Promovendo a convención empresarial e a formación especializada de directivos. Creación de foros para que organizacións internacionais, analistas e mercados, medios especializados que perciban a Galicia como unha zona de importante desenvolvemento.

- Fomento da calidade e da mellora continua dos procesos, segundo os estándares e certificacións aceptadas internacionalmente.

- Mellora dos mecanismos de financiamento público aos novos proxectos empresariais. Unificación nun organismo dos actuais instrumentos de financiamento empresarial públicos, Sodiga, Spi, Igape, sociedades de capital risco e avais, etc. No seu seo, plan de apoio para informar e asesorar aos emprendedores. Axuda financeira para proxectos viables, durante o período de maduración. Incremento dos fondos de capital-semente.

- Crearemos 20 millóns de metros cadrados de solo industrial, con atención preferente ás grandes áreas metropolitanas.

- Mellora da calidade no subministro eléctrico.

- Consideración do carácter estratéxico do sector turístico, desenvolvemento de novos produtos; mellora e cualificación da oferta. Diversificación e desestacionalización.

- Nova Lei de ordenación do comercio que afronte a planificación do comercio galego dende as necesidades e retos actuais, modernizando a actual estrutura, e coa regulación de horarios, da implantación de novos formatos e novas superficies e mediante o diálogo cos sectores afectados e cos concellos.

- Impulso dos parques tecnolóxicos coa cooperación das universidades.

- Promoción do sector audiovisual galego polo seu carácter estratéxico, nos ámbitos das novas tecnoloxías da imaxe e da cultura de Galicia. Promoción internacional a través de programas específicos. Implicación da TVG con criterios de transparencia e obxectividade. Nova regulación das axudas que fixe criterios obxectivos e avaliables e que precise o concepto de produción galega. En todo caso terán prioridade os proxectos que contribúan á proxección internacional da imaxe e da cultura galegas.

- Impulso dunha solución concertada na que participen tódolos axentes implicados, que procure unha ubicación alternativa para a factoría de Ence, fora da Ría de Pontevedra, e o peche do ciclo productivo no noso país.

DESENVOLVEMENTO RURAL E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

Comprometémonos na mellora do tecido socioeconómico no medio rural e das condicións de vida dos seus habitantes. Queremos mellorar as rendas agrarias e a competividade da cadea alimentaria. Impulsaremos o desenvolvemento das zonas rurais promovendo a súa diversificación económica e a mellora da prestación de servizos e de condicións de vida. Apoiaremos a incorporación da xente moza á actividade económica das zonas rurais.

- Plano estratéxico para o medio rural, coa participación de todos os sectores afectados, que determinará os obxectivos prioritarios para un desenvolvemento económico sostible.

- Lei de desenvolvemento rural.

- Lei de ordenación agraria que incluirá un marco de apoio á explotación agraria familiar, con medidas de apoio á súa mellora, o recoñecemento da cotitularidade das mulleres traballadoras e o relevo xeneracional. O fomento das fórmulas asociativas, en especial do cooperativismo para agrupación de explotacións, prestación de servizos, e comercialización.

- Impulso da mobilidade de terras, creando un Fondo Público de Mobilidade que fomente o uso produtivo.

- O Goberno galego defenderá en relación coa reforma intermedia da PAC aprobada en 2003, o mantenemento do máximo nivel de vinculación das axudas que permite a normativa europea, a redistribución de axudas no Estado en base a criterios de cohesión social e territorial e de apoio a modelos de producción respectusosos co medio ambiente e a calidade dos alimentos, así como o reparto entre as Comunidades Autónomas dos fondos procedentes da modulación das axudas segundo criterios de cohesión.

- Reforma da concentración parcelaria, reducindo prazos, establecendo prioridades ligadas ás explotacións existentes e a mellora da súa viabilidade, apoiando as iniciativas dos grupos de agricultores.

- Plan de residuos agrarios.

- Creación do Consello Agrario coa participación das organizacións representativas do sector,como órgano de consulta e interlocución coa Administración.

- Plan de desenvolvemento da agricultura sustentable que amplíe o actual ámbito da agricultura ecolóxica e impulse a súa expansión.

- Apoio á creación dun grupo lácteo galego coa participación de cooperativas e das empresas lácteas domiciliadas en Galicia.

- Lei de montes para a mellora da produción forestal, a concentración das terras arboradas, a dotación de infraestruturas e as plantacións.

- Reforma da Lei de montes veciñais en man común para favorecer a mobilización produtiva e o seu aproveitamento acorde coas demandas sociais, así como a dispoñibilidade para

usos de servizo público.

- Deseño dunha política integral de loita contra os incendios que abranga a ordenación forestal, o estudio da causalidade, medidas preventivas, de infraestruturas e de loita contra a degradación do chan.

- Deseñaremos un programa de apoio estratéxico ás principais producións que incluirá medidas de axuda á comercialización.

- Potenciaremos as denominacións de calidade recoñecidas na Unión Europea.

- Crearemos un Centro de Tecnoloxía Alimentaria que potencie as innovacións tecnolóxicas en produtos lácteos, cárnicos e viños, en colaboración coas asociacións de empresas agroalimentarias e coas universidades, en cooperación coas iniciativas de ámbito estatal.

- Constituirase un Banco Forestal como un fondo de financiamento mixto para apoiar ás plantacións forestais para a produción de madeiras de calidade e a xestión forestal sostible.

- Xestionarase un plan de apoio ás industrias do moble, con especial atención ao deseño, a formación e a comercialización.

- Plano específico para as industrias de serradoiros con apoio aos investimentos produtivos e co establecemento de servizos en común.

POLÍTICA PESQUEIRA

Apostaremos polo futuro do sector pesqueiro como actividade económica estratéxica para Galicia. A Xunta impulsará o mantemento da actividade pesqueira e do emprego en base a unha consideración integral dos aspectos biolóxicos, económicos e sociais na xestión pesqueira, apostando pola recuperación dos stocks e da actividade pesqueira.

Faremos que Galicia sexa protagonista nas decisións de política pesqueira da Unión Europea do Goberno Central. Impulsaremos o diálogo con outras institucións e coas comunidades autónomas marítimas en asuntos de interese común como investigación, formación e recursos.

A Xunta avaliará e ordenará os caladoiros galegos, para logo establecer medidas de rexeneración e recuperación.

- Tentaremos un mellor regulamento laboral do sector, con máis protección social que favoreza o relevo xeracional.

- Mellora das condicións laborais e de seguridade dos traballadores. Melloras da seguridade dos buques.

- Impulsaremos a diversificación económica nas zonas de pesca.

- Apoiaremos as iniciativas de renovación das estruturas pesqueiras.

- Promoción da profesionalización do marisqueo e do cooperativismo de produción e comercialización. Plans de impulso á produción por rías.

- Promoverase que os produtos da acuicultura manteñan o seu liderato tanto nos mercados tradicionais como nos novos mercados, aplicando técnicas para ofertar un produto con mellores rendementos, optimizando a produción, consolidando mellores sistemas de comercialización e xestión.

- Fomento da investigación aplicada en novas especies de acuicultura, no estudio das toxinas, desenvolvendo novos métodos para reducir os niveis de toxina nos produtos.

- Mellora dos procesos de comercialización. Fomento de novas presentacións comerciais. Desenvolvemento de normas de etiquetado, envasado, embalaxe, caducidade, procedencia. Denominación de orixe para o mexillón. Estudio doutras posibles denominacións ou etiquetas de calidade para o peixe galego.

- Mellora das actuacións de inspección pesqueira e loita contra a contaminación mariña.

- Reforma da Lei de confrarías para mellorar a participación dos diferentes sectores e a súa representatividade

 

5. EDUCACIÓN, LINGUA E CULTURA

Cremos que a educación é o primeiro factor de progreso individual e social. A súa extensión a todos os cidadáns en condicións de calidade é o fundamento máis sólido para construír unha sociedade economicamente adiantada e cohesionada social e territorialmente. A continuada redución do orzamento educativo, en Galicia e no Estado durante os gobernos conservadores, teñen provocado un afastamento espectacular das medias europeas, que cómpre corrixir no menor tempo posible, como factor fundamental da calidade educativa.

Proporemos un Pacto social e político pola educación que acade un consenso básico na política educativa e universitaria. O principio de igualdade de oportunidades esixe o compromiso dos poderes públicos coa educación, en especial co ensino público e a implicación de tódolos sectores, estudantes, profesores, familias, así como institucións, medios de comunicación, e demais instancias que educan, forman e informan. A mellor valoración social do feito educativo, dos profesores e dos establecementos de ensinanza, debe ser un obxectivo prioritario.

O Goberno galego proponse como obxectivo que ao rematar o ensino obrigatorio os estudantes posúan plena competencia en galego, no castelán e como mínimo nunha lingua estranxeira. Compromiso activo coa efectiva e inmediata aplicación das medidas de galeguización do ensino recollidas no Plan de Normalización Lingüística aprobado unánimente polo Parlamento galego en setembro de 2004

 

SISTEMA EDUCATIVO

- O orzamento educativo incrementarase nun 20% durante a lexislatura co obxectivo de converxencia progresiva co gasto medio da Unión Europea, arredor dun 6% do PIB

- Crearemos prazas de ensino infantil para menores de tres anos na rede pública, en número suficiente para cubrir a demanda.

- Redución da ratio no ensino infantil a 1/15, con persoal de apoio.

- Ensino temperá de idiomas.

- Programa de bolsas para a aprendizaxe de idiomas no estranxeiro dirixido a estudantes de ensino secundario.

- Plan de redución da taxa de fracaso escolar. Incluirá diagnóstico temperá, medidas de orientación ás familias e aos estudantes, atención personalizada, actividades de reforzo horario.

- Gratuidade total dos libros de texto no ensino obrigatorio.

- Utilización das novas tecnoloxías. Un ordenador por cada dous alumnos. Formación do profesorado neste ámbito. Desenvolvemento de software educativo e do uso de programas de código aberto. Persoal de apoio e mantemento nos centros escolares.

- Promoción de centros con perfil curricular singular: centros que permitan simultánea estudios obrigatorios e carreira musical, centros de ensino en lingua estranxeira.

- Plan de actuación para a mellora das escolas rurais, en dotacións, equipamentos e persoal.

- Promoverase a existencia de comedores nos centros escolares da rede pública.

- Programa de apoio específico para o coñecemento da lingua galega polo alumnado inmigrante.

- Incremento do recursos para os equipos de normalización lingüística. Apoio económico á produción e difusión de materiais curriculares de ensino en galego, e de programas informáticos na nosa lingua.

- Melloraremos a coordinación da Formación Profesional coas empresas e cos servizos de emprego.

- Pulo das ensinanzas artísticas: conservatorios e escolas de música, escolas de artes aplicadas.

- Incremento das Escolas de Idiomas dirixidas a toda a poboación para atender a demanda actual. Oferta virtual de ensinanzas. Os medios públicos de comunicación participarán no obxectivo de estender a capacitación en idiomas da poboación.

- Ampliarase a autonomía dos centros escolares, incrementando as atribucións dos seus órganos colexiados que ademais terán participación fundamental nos procesos de elección de equipos directivos. Incremento dos recursos económicos dos centros de ensino. Impulso da participación das familias na educación.

- Os centros de ensino ofertarán Programas de actividades complementarias en colaboración con outras institucións ou entidades.

- Potenciación das bibliotecas escolares e da lectura.

- Promoverase a escolarización equitativa nos centros públicos e concertados, do alumnado con necesidades educativas especiais, con dificultades de aprendizaxe singulares, así como do alumnado de orixe inmigrante ou de minorías étnicas ou culturais.

- Elaboración e negociación cos representantes do sector, dun Estatuto da Función Pública Docente que recolla as necesidades e características da profesión, potencie a súa valoración e recoñecemento social e promova a formación continua.

UNIVERSIDADE

As universidades galegas deben xogar un papel sobranceiro na implantación da sociedade do coñecemento; deben ser cada vez máis activas e creativas, colaborando estreitamente coa sociedade e coas empresas. Para que sexa posible deberán contar con recursos humanos e económicos suficientes.

- Desenvolvemento do espazo europeo de ensino superior, establecendo criterios para a adaptación dos estudios de grao e de posgrao. Fomento de programas de doutoramento de calidade e da oferta conxunta con outras universidades.

-Incremento progresivo do número de bolseiros que permita o acceso á universidade dos segmentos sociais de menores niveis de ingresos ou máis afastados dos campus universitarios.

- Carreira profesional estable de investigador, diferente á de profesor universitario. Incremento o cadro de persoal existentes.

- Salarios e condicións laborais axeitados para o persoal investigador en formación.

- Coordinación dos centros de ciencia e tecnoloxía existentes nas universidades, na Xunta e noutros organismos públicos co sector privado.

- Lei de universidades que regule o sistema universitario galego, o réxime de creación de centros públicos e privados, o estatuto do persoal docente e non docente, os dereitos dos estudantes e o goberno das institucións.

- Fomento da cooperación dentro do sistema universitario galego.

- Creación da universidade virtual de Galicia para cubrir as demandas de ensino a distancia e máis a formación permanente, facilitando o acceso aos estudios superiores e profesionais de toda a poboación

LINGUA

A Xunta promoverá unha política que recupere falantes da lingua do país e que estenda o seu uso normal en todos os ámbitos da sociedade. Noutro plan, potenciará o intercambio cultural cos países de lingua oficial portuguesa, erixíndose como relevantes nese proceso os medios de comunicación públicos.

- Desenvolvemento do plan xeral de normalización lingüística aprobado polo Parlamento en 2004, con dotación orzamentaria, programación e avaliación anual.

- Creación dunha Institución para a promoción exterior da lingua e da cultura de Galicia.

- O goberno galego empregará a nosa lingua de forma sistemática en todas as suas comunicacións orais e escritas e promoverá o seu uso normal nos servizos e dependencias da Administracións autónoma e das Administracións locais .Garantirase en todo caso o dereito dos cidadáns a ser atendidos en galego en todas as súas relacións coa Administración.

- A Administración galega velará polo cumprimento estricto do Plano Xeral de Normalización Lingüística tanto na súa organización interna como nas relacións con outros institucións de Galicia e cos cidadáns,

CULTURA

A cultura, ademais do seu carácter de expresión simbólica dos individuos e das comunidades,é tamén un sector de alto potencial económico, xerador de emprego e de riqueza.

Defendemos unha política cultural baseada na liberdade de creación e na diversidade, na cooperación e na cidadanía. A cultura é a expresión da nosa identidade, a nosa forma de presentarmos noutras sociedades. Cómpre promover a súa internacionalización. A cultura galega ten demostrado en moitas das súas artes, capacidade sobranceira de creación e nivel internacional recoñecido: nas artes plásticas, na música popular e na música culta, na literatura, etc. Pódese facer outras áreas. E pódese incrementar o consumo de produtos culturais, mellorando as taxas de lectura, de asistencia a espectáculos, de participación en actividades de carácter artístico. Unha cidadanía moderna é tamén unha cidadanía cultivada, coñecedora das tendencias, que cubre unha parte do seu tempo de lecer en actividades formativas

A Xunta de Galicia promoverá a cooperación na vida cultural das institucións públicas e privadas: concellos, deputacións, fundacións, colectivos, coordinando iniciativas e procurando sinerxías de recursos.

Como medidas principais:

- Promoción da estabilidade das compañías escénicas.

- Recuperar e promocionar o patrimonio musical galego tanto no ámbito da música culta como no da de expresión oral ou os soportes fonográficos.

- Desenvolveranse medidas para conciliar a conservación do patrimonio e dos achádegos arqueolóxicos nos ámbitos urbanos, ordenando intereses públicos de conservación e privados de promoción.

- Creación do Arquivo de Galicia.

- Completar a rede de auditorios nas grandes cidades.

- Modernización da rede bibliotecaria de Galicia, en fondos e servizos. Fomento da lectura pública coa participación dos medios públicos de comunicación. Pulo da industria editorial e promoción do libro galego.

- Plan de Desenvolvemento Cultural, integrando tanto os desafíos actuais da nosa vida cultural como as propostas de axentes, creadores, colectivos e corporacións locais.

- Revisión do proxecto da Cidade da Cultura para que sirva ás necesidades máis urxentes con criterios de sostetabilidade económica e de rendibilidade social e cultural.

- Plan de tecnificación deportiva. Xestión de patrocinadores mediante acordos coas empresas galegas. Apoio e asesoramento aos deportistas de alto nivel.

- Promoción do deporte escolar e universitario establecendo convenios coas federacións, centros de ensino, administracións locais e universidades. Regulamento do deporte escolar federado. Creación dun Comité do Deporte Universitario.

- Colaboración cos concellos para garantir o acceso de todos os cidadáns á practica físico-deportiva.

- Promoción das deportistas galegas nos órganos de dirección do deporte, públicos e privados.

- Deseño dun novo modelo de asociacionismo deportivo que contemple as figuras asociativas necesarias nas distintas manifestacións e niveis como agrupacións de clubs, entes de promoción deportiva, Unión de Federacións Deportivas Galegas.

-Reforma do actual réxime xurídico das federacións deportivas que garanta as condicións axeitadas para o exercicio das funcións públicas delegadas que ostentan as mesmas, o funcionamento democrático e a transparencia económica.

-Promoverase unha asociación de xogos e deportes tradicionais.

- Promoción das seleccións deportivas galegas dentro do marco legal autonómico e estatal vixente

BENESTAR

Queremos facer da sociedade galega unha sociedade de benestar avanzado, onde todas as persoas teñan dereito ao benestar e a vivir a súa vida con plenitude, saúde e madurez, de acordo coas súas decisións.

Defendemos o dereito ao benestar e xa que logo o desenvolvemento dun sistema público de servizo de benestar que cubra as diferentes necesidades das persoas baixo criterios de igualdade, universalidade e complementariedade na acción das diferentes administracións.

SANIDADE

- Anualmente o Goberno fixará o obxectivo de reducción de tempos nas listas de espera e aprobará os recursos para o seu cumplimento.

- Extensión da atención primaria a toda a poboación.

- Garantía de acceso á anestesia epidural na rede sanitaria pública para todas as mulleres que o desexen.

- A Xunta promoverá a humanización da asistencia sanitaria coas seguintes medidas: redución de camas por habitación, libre elección de médico de asistencia primaria, extensión do consentimento informado, segunda opinión ante situacións clínicas de gravidade e servizos de atención ao usuario en todos os hospitais.

- A Xunta asegurará a eficiencia do gasto sanitario mediante un sistema de compra de recursos materiais transparente e coa elaboración dun plan de redución do gasto farmacéutico consensuado con todos os sectores afectados. Os actuais entes instrumentais, xestores de centros ou servizos sanitarios, integraranse progresivamente no Servizo Galego de Saúde.

- Fomento mediante diálogo cos profesionais sanitarios da dedicación exclusiva ao servizo público.

- Incorporaranse as novas tecnoloxías a todo o sistema para reducir a burocratización, mellorar a coordinación entre profesionais e pacientes, axilizar a xestión clínica e a fiabilidade dos rexistros.

- Plan de coidados paliativos.

- Plan de saúde mental que contemple, programas de asistencia interdisciplinares para responder eficazmente ás novas problemáticas sanitarias: trastornos de conduta alimentaria, adicións sen substancia, dano cerebral, etc..

- Dotar de xeito progresivo ás unidades de saúde mental cos recursos suficientes para acadar a ratio dun psiquiatra por cada 25000 habitantes e a ratio correspondente aos demais profesionais especializados.

- Incremento das prazas de hospitais de día para saúde mental, unidades de psicoxeriatría, unidades especializadas para nenos e adolescentes, camas de agudos.

- Coordinación coa rede de saúde mental da atención a drogodependentes; progresivamente tenderase á homoxeneidade da oferta de servizos como paso previo á integración no Servizo Galego de Saúde.

SERVIZOS SOCIAIS

- Creación dun complemento autonómico para as pensións non contributivas.

- Reforma da RISGA para incrementar a contía, flexibilizar os requisitos de recoñecemento e axilizar a tramitación.

- Nova Lei de servizos sociais que inclúa a garantía de atención en función das necesidades. Garantiremos durante a lexislatura a atención de todas as persoas con dependencia grave é do sesenta por cento das persoas con dependencia moderada.

- Incremento da cobertura da Axuda a Domicilio e da Teleasistencia para atender ás persoas con máis de 70 anos que vivan soas.

- A atención ás persoas maiores terá como obxectivo principal a dignidade e autonomía das persoas. Promoverase unha rede pública de centros de día para persoas maiores e que as persoas maiores poidan permanecer no seu entorno habitual.

- A Xunta promoverá que todas as persoas maiores teñan posibilidade de participar nas actividades sociais, culturais, deportivas, de acordo coas súas necesidades.

- Plan integral de atención á discapacidade.

- Plan de loita contra a pobreza e exclusión social que incluirá actuacións coordinadas coa administración local e coas entidades de carácter social.

IGUALDADE

- Lei de conciliación de traballo e familia. Promoverase a corresponsabilidade na vida familiar.

- Promoverase unha lei integral contra a violencia de xénero.

- Estableceranse convenios cos diferentes colectivos profesionais para promocionar a incorporación da muller aos postos directivos.

- Implantación progresiva dun Programa específico de Saúde de Mulleres nos centros de atención primaria.

- O Goberno galego tenderá a unha actuación transversal das iniciativas que aseguren a perspectiva de xénero en todas as políticas sectoriais

MOCEDADE

- Política integral de acción para a xente moza en colaboración con sindicatos, empresarios e asociacións xuvenís, que facilite a emancipación a inserción laboral e remate coa precariedade laboral. Abranguerá o estudio de novos xacementos de emprego, o fomento da cultura emprendedora, así como medidas de acceso á vivenda.

- Impulso do Consello da Xuventude para o fomento do asociacionismo e da participación e representación.

- Estudiar e avaliar a implantación ó longo da lexislatura, dunha axuda destiñada á xente moza que após un período de formación busque o seu primeiro emprego.

MIGRACIÓNS

- Regularanse as axudas ás comunidades galegas no exterior garantindo a igualdade de oportunidades e a distribución obxectiva.

-A Xunta promoverá a integración social e laboral dos inmigrantes, impulsando o coñecemento da lingua e cultura galegas, combatendo o racismo e xenofobia, a medio do diálogo fluído cos representantes dos colectivos.

- Creación da oficina do Retorno que facilite información sobre os diferentes temas relacionados coa volta e inserción dos emigrantes: vivenda, emprego, ensino, etc.

- Impulsar co Goberno do Estado a cobertura da asistencia social e sanitaria básica dos galegos residentes no exterior.

 

7. TERRITORIO E SUSTENTABILIDADE

Entendemos que unha nova modernización de Galicia esixe converter o territorio nun factor protagonista da competitividade e da igualdade e polo tanto nun axente activo de desenvolvemento económico e de cohesión social.

O Goberno galego proporá que no PEIT e nos seus planos sectoriais complementarios se recolla o compromiso de acomete-las infraestructuras necesarias en Galicia, estimadas nunha porcentaxe mínima do oito por cento do investimento total previsto para dito Plano, co fin de contribuir á mellora da productividade, do crecemento e á converxencia real. Cómpre un Pacto polo Territorio que permita planificar e ordenar os usos con criterios de sostenibilidade ambiental, económica e social. Estará baseado no consenso e terá que ordenar os investimentos en infraestruturas, estabilizar o marco lexislativo e afianzar o respecto ao territorio é ao medio ambiente urbano e rural.

- Aprobaremos as Directrices de Ordenación Territorial de Galicia.

- Artellamento do sistema de cidades no conxunto da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

- Pulo das áreas metropolitanas, rexións urbanas e semiurbanas como espazo de planificación.

- Revisión da lexislación do solo e simplificación da xestión.

- Racionalizar o crecemento residencial, turístico e de actividade no litoral.

- Rexeneración, preservación e saneamento integral das Rías.

- Conservación dos núcleos rurais como asentamento poboacional diferenciado.

- Mellora da calidade do hábitat urbano.

- Xestión pública do urbanismo como criterio xeral reforzando as competencias municipais.

- Plan de Infraestruturas do Transporte, que será obxecto de debate no Parlamento que concrete os investimentos e prazos nas infraestruturas que sexan competencia da Comunidade. O plan terá como obxectivos: garantir o acceso a vías rápidas de toda a poboación nun prazo inferior a 30 minutos, completar a estrutura básica de comunicacións interiores de Galicia por estrada; mellorar as conexións intermodais

de portos e aeroportos; actuacións nas infraestruturas portuarias que coordinen e especialicen os portos galegos.

- A Xunta elaborará un plano de transporte público de cercanías nas áreas metropolitanas de Ferrol-Coruña e de Pontevedra-Vigo. No seu deseño participarán as entidades locais, os axentes económicos e sociais, o operador ferroviario e as empresas de transporte.

- Plan de seguridade vial que reduza o número de vítimas.

- Billete único de transporte intermodal nas áreas urbanas e metropolitanas.

- 25000 vivendas de protección, delas sete mil en aluguer.

- Plan galego de desenvolvemento sostible.

- Novo plan de residuos que contemple a planta de Sogama como unha incineradora de termo nun prazo de oito anos.

- Plan de usos do litoral.

- A política de augas aplicará a Directiva Marco da Unión Europea, integrando a xestión das concas dos ecosistemas de ría, de esteiro e as plataformas litorais.

- Revisión dos novos proxectos para a construción de encoros e avaliación rigorosa dos impactos ambientais e sociais.

- Plan de converxencia cos obxectivos do Protocolo de Quioto.

- Plan de Acción para o Fomento do Aforro e para a Eficiencia Enerxética de Galicia.

- Promoveremos actuacións que potencien o uso racional da enerxía nos diferentes sectores de actividade así como o aproveitamento dos recursos das diferentes enerxías renovables.

 

8. RELACIÓNS ENTRE OS ASINANTES DO ACORDO

Os grupos políticos asinantes comprométense coa sociedade galega á lealdade cos acordos asinados e coas decisións do Consello de Goberno de Galicia, sen prexuízo da expresión de opinións sobre política xeral ou sobre as áreas de competencia do propio grupo.

Os acordos adoptados colexiadamente pola Consello de Goberno serán vinculantes para todos os seus membros nas súas relacións con outras administracións.

Igualmente comprométense a manter canles permanentes de diálogo noutras cámaras de representación.

As forzas asinantes deste acordo manterán un diálogo permanente sobre todas aqueles aspectos novos que poidan xurdir no desenvolvemento do mesmo. Santiago, 19 de xullo de 2005

 

...PSdeG-PSOE .............. BNG

Emilio Pérez Touriño - Anxo Quintana

..ADENDA O ACORDO PARA A FORMACION DO GOBERNO DE GALICIA

As forzas políticas asonantes acordan propor ós seus Grupos Parlamentarios

1. SOBRE O FUNCIONAMENTO DO PARLAMENTO

1.1 Nas Comisións Parlamentarias o PSdeG proporá cinco membros e o BNG tres.

1.2 As Presidencias das Comisións Permanentes, agás a da Terceira Comisión, corresponderanlle ó PSdeG, cinco e o BNG, tres.

1.3 Os Grupos Parlamentarios presentarán unha Proposición non de Lei para a Reforma do Regulamento

1.4 A renovación dos órganos nos que participe o Parlamento, será obxecto do acordo

 

2. SOBRE A DISTRIBUCION DE RESPONSABILIDADES NO EXECUTIVO DE GALICIA

2.1 O PSdeG asumirá:

°X A Presidencia da Xunta

°X A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

°X A Consellería de Economía e Facenda

°X A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes

°X A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

°X A Consellería de Sanidade

°X A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos

°X A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentable

°X A Consellería de Traballo

 

2.2 O BNG asumirá

°X A Vicepresidencia de Relacións Institucionais e Benestar Social

°X A Consellería de Industria, Turismo, Comercio e Innovación

°X A Consellería de Cultura e Deporte

°X A Consellería de Desenvolvemento Rural

°X A Consellería de Vivenda e Solo

 

2.3 En relación coa actual estructura da Xunta:

 

2.3.1 A Presidencia terá as actuais competencias e servizos e ademáis:

a) A Secretaría Xeral de Política Lingüística, que integra a actual Dirección Xeral

b) A Secretaría Xeral de Comunicación que integra a actual Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos, a Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual (sen perxuizo do que se regula no apartado 4 deste documento) e a Compañía de Radio Televisión de Galicia e Sociedades.

c) A Secretaría Xeral para a Emigración que integra a actual Consellería de Emigración.

 

2.3.2 A Vicepresidencia integra:

a) A Dirección Xeral de Relacións Institucionais

b) A actual Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, agás a Dirección Xeral para o Deporte

c) A Dirección Xeral de Servizos Comunitarios e Inclusión Social

 

2.3.3 A Consellería de Presidencia terá as actuais competencias, agás as correspondentes á Dirección Xeral de Relacións Institucionais que se integra na Vicepresidencia. Ademáis integra á actual Consellería de

Xustiza, Interior e Administración Local

 

2.3.4 A Consellería de Industria, Turismo, Comercio e Innovación terá as actuais competencias. Ademáis integra a Dirección Xeral de Turismo.

 

2.3.5 A Consellería de Desenvolvemento Rural terá as actuais competencias da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural. Integra ademáis a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais.

 

2.3.6 A Consellería de Cultura e Deporte terá as actuais competencias agás as Direccións Xerais de Comunicación e Audiovisual e de Turismo. Integra a Dirección Xeral para o Deporte.

 

2.3.7 A Consellería de Vivenda e Solo integra o Instituto Galego de Vivenda e Solo.

 

3. RELACIONS COS MEDIOS DE COMUNICACIÓN

O nomeamento de Director Xeral da CRTVG será obxecto de acordo. Existirá unha Comisión Interdepartamental presidida polo titular da Secretaría Xeral de Comunicación e da que formarán parte representantes das Consellerías de Economía, Industria e Cultura que consensuará a política da Xunta en relación cos medios públicos e privados.

 

4. FOMENTO DA PRODUCCION CINEMATOGRAFICA, VIDEOGRAFICA, AUDIOVISUAL E MULTIMEDIA

Nos orzamentos da Consellería de Cultura e Deporte existirá consignación económica para axudas á creación, producción e divulgación cinematográfica, videográfica, audiovisual e multimedia, sen prexuizo das axudas que poida conceder a Secretaría Xeral de Comunicación ou a CRTVG.

A dotación orzamentaria en 2006 será, alomenos, de cinco millóns de euros.

 

5. POLITICA LINGÜÍSTICA

Existirá unha Comisión Interdepartamental de Seguimento e Impulso do Plano Xeral de Normalización Lingüística, constituida por representantes das Consellerias de Educación e Ordenación Universitaria, de Cultura e Deporte, e das Secretarías Xerais de Comunicación e de Relacións Institucionais, presidida polo titular da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que consensuará o deseño e aplicación das políticas da Xunta neste eido.

 

6. AUSTERIDADE DA ADMINISTRACION

As forzas políticas asinantes asumen o compromiso de reducir a actual estructura directiva da Xunta (Direccións e Secretarías Xerais) e o número de entes, fundacións, sociedades e institutos de carácter autónomo. Caso necesario, a reducción dos organismos autónomos fariase na Lei de Orzamentos ou na Lei de Acompañamento.

 

En Santiago, o 23 de xullo do 2005

PSdeG: Emilio Pérez Touriño

BNG: Anxo Quintana